martes, 8 de diciembre de 2009

EL MISTERIO DE LA CRIPTA EMBRUJADA


O xoves pasado analizamos con éxito no Clube de Lectura do alumnado, El misterio de la cripra embrujada de Eduardo Mendoza. As críticas xerais foron positivas.

O comisario Flores é un inspector da Brigada de Investigación Criminal. Ante o caso da desaparición dunha nena dun colexio internado, o inspector decide buscar axuda nun antigo criminal que está nun manicomio. Así chegan a un trato entre o interno e o comisario: si axuda a resolver o caso, gañarase a liberdade.
Tras liberar ao interno do manicomio, este volverá a Barcelona tras 5 anos de illamento. Aínda que recuperou o control de si mesmo, segue tendo o seu vello instinto que lle permite inventarse identidades, suplantar a outros ou abrir portas sen chaves. Volverá ver á súa irmá e involucrarase nunha historia na que un adiñeirado industrial catalán quere esconder o corpo dun morto. Tentando tapar esta morte produciranse outras mortes, que o ex-interno conseguirá resolver coa axuda dunha ex-alumna do colexio, Mercedes. Ao final o caso péchase sen que se deteña a ninguén, polo ben de todos, e co interno de volta ao manicomio, xa que non se pode facer nada pola súa liberdade.

lunes, 30 de noviembre de 2009

ROMA EN GUERRA





Grazas a colaboración coa asociación Terra Copora, os ùltimos 15 días no centro puidemos gozar dunha das exposicións máis visitadas durante o último Lucus Augusti: Roma en guerra, na que os alumnos/as contemplaron todo tipo de armas, como espadas, pillum (lanzas da época) ou arcos, ademais de armaduras, escudos, e un conxunto abraiante de cascos.
Completaba a exposición unha maqueta dun campamento romano que non deixou indeferente a ninguén pola súa calidade tecnica.

sábado, 21 de noviembre de 2009

O NENO E O VELLO


Visitounos o venres 20 de novembro Claudio Rodríguez Fer nunha ponencia organizada pola biblioteca pública do Concello. Sendo moi novo foi profesor agregado de Lingua e Literatura Españolas de ensino medio por oposición libre en Salamanca e catedrático das mesmas materias por oposición libre en Madrid. Logo opositou á titularidade universitaria. Profesor das Universidades da Cidade de Nova York, da Alta Bretaña en Rennes e de Santiago de Compostela. Dirixiu o Encontro Internacional sobre José Ángel Valente de 1993 e actuou como padriño no seu doutoramento Honoris Causa pola Universidade de Santiago de Compostela. Así mesmo, dirixiu diversos congresos e encontros e participou en numerosas actas, enciclopedias e revistas europeas e americanas. Na súa visita falou da amizade cun dos escritores galegos máis recoñecidos xa que é especialista na obra de Ánxel Fole, publicou A Galicia misteriosa de Ánxel Fole (do Castro, 1981), Ánxel Fole. Vida e obra (Xerais, 1997), ou O mundo lucense de Ánxel Fole (Galería Sargadelos, 1997). Unha amizade que nace cando era só un adolescente interesado pola figura dun escritor moito maior que paseaba paseniño as rúas de Lugo.

jueves, 19 de noviembre de 2009

HISTORIA DUNHA FOTO: O XERADOR por Lucía


Esta imaxe está datada no ano 1967. Na fotografía, estase a celebrar unha voda. Como ben se pode apreciar trátase dunha voda celebrada no mundo rural, en concreto en Vilasante, Antas de Ulla.
Na foto aparecen seis persoas: á esquerda atópanse algúns dos invitados máis achegados, á dereita os noivos e no centro meu bisavó Antonio.
Meu bisavó Antonio era agricultor aínda que tamén facía traballos de electricista, como foi no caso desta voda... O aparello que aparece diante del é unha xerador de electricidade que construíu el cun motor dunha máquina de mallar que era da súa propiedade.
Por esas datas, nos anos 60, estaban baixo a ditadura de Franco, polo que a vida no medio rural contaba con bastantes dificultades, como por exemplo a falta de luz. Ese foi o motivo polo que se creou este xerador, para poder ter luz no banquete posterior á cerimonia. Estes banquetes sempre se celebraban na casa. Aquel día o banquete deuse no palleiro dun veciño, xa que era o lugar máis cómodo que había e o máis amplo.
Foron catro as causas principais que se apuntaron para explicar a restrición eléctrica da posguerra. En primeiro lugar, é sabido que as autoridades do réxime franquista recorreron á pertinaz sequía para dar explicación ao problema eléctrico. Sen negar o incuestionable argumento meteorolóxico e a súa influencia, os empresarios da época achegaron outros dous de maior calado: por unha banda, a ausencia de unidade de explotación, é dicir, dunha rede única e, por outra, a conxelación das tarifas. A cuarta causa o aumento crecente do consumo.

miércoles, 18 de noviembre de 2009

HISTORIA DUNHA FOTO: RETORNADOS por Vicente


Na fotografía aparecen tres nenos, a da esquerda é miña bistía Elena, no medio está miña avoa Luz e a dereita meu outro bistío Manuel, xunto a eles o seu pai, Luís, e unha señora que é a súa irmá, xa que a nai emigrou ós poucos meses de ter a Elena.
A muller de Luís, Aurora emigra a Cuba como ama de cría dos fillos duns señores acomodados, xa que nesa época era costume que as mulleres ricas non deran o peito ós seus fillos para non estragar a súa figura, e o que facían os señores ricos era contratar a mulleres para alimentar ós seus fillos. Aurora volta tres meses despois de marchar tivo porque non resistía a ausencia dos seus pequenos, sobre todo da súa recen nacida filla Elena.
Esta é unha foto de finais do 29, principios do 30, é dicir da época final da ditadura de Primo de Rivera (1923-1930). Esta foi unha época moi difícil por mor das consecuencias do crac do 29 e a profunda crise económica mundial que levaron a moitos galegos a emigrar. O galego emigraba baixo dous signos: un, que o empurraba fóra da súa terra na procura de mellor situación económica e outro que o facía regresar. Así temos que, sendo o país que dá maior porcentaxe de emigración, tamén somos, curiosamente, o que maior índice de retornados temos por número de emigrantes.

martes, 17 de noviembre de 2009

HISTORIA DUNHA FOTO: PASODOBRE por Iago


A imaxe data do ano 1959 en plena época franquista. Nesta foto aparecen de esquerda a dereita Suso e Pili que daquela eran mozos, e un pouco máis a dereita atopábase Conchita (a miña avoa) e Antonio. A foto foi sacada nas festas en Sirgal no día oito de xuño, xusto debaixo da igrexa, os dous homes ían vestidos de traxe con garabata, a roupa dos domingos , as dúas mulleres ían con vestido de chaqueta. A foto sacouse no campo da festa no que normalmente había un grupo de gaitas ou unha banda pequena, bailábanse na súa maioría pasodobles, agarrados pero mantendo as distancias. Coñécese como pasodobre o baile orixinado en España cara a 1533 e 1538 no cal a muller desenvolve un papel importante. Ela é utilizada con (normalmente) o paso 69 (libro de pasos). Utilizado en varias rexións para a celebración de eventos. Foi unha parte moi importante para o desenvolvemento do país. É, ademais, un dos poucos bailes de parella que se seguen conservando hoxe en día; está presente en moitas festas (verbenas populares) e segue formando parte da tradición de todas as rexións de España. A principios de século relacionouse co garrotín, un baile de parella xitano, bastante vivo e repetitivo. Tamén se cre que este baile puido orixinarse en Francia, onde se chamou pas-redouble, tocado por bandas para marchas militares desde 1780. Desde este país foise desenvolvendo e estendendo a outros territorios como unha marcha rápida de infantaría que regulaba o paso dos soldados.

CALENDARIO CLUBES DE LECTURA

Preme na imaxe para aumentalo!.

ANXO FARIÑA E OS MEGATOXOS



O martes día 10 de novembro, visitou o noso centro Anxo Fariña o creador dos Megatoxos.
A súa conferencia foi moi didáctica incidindo no proceso creativo como novelista e debuxante á vez. Dende aquí animámosvos a ler aventuras tan interesantes como A espada esmeralda, Ed. A nosa Terra (2008). Nela Ruxe, Lúa, Faísca e Ninfa están a vivir un curso escolar do máis emocionante. Tras desenvolver por accidente estraños poderes, un milleiro de problemas comezan a xurdir nas súas vidas. Na procura dunha solución para a súa mutación xenética, viaxarán desta vez ao medievo, onde atoparán un antigo e misterioso mosteiro no que nada é o que parece. Nesta aventura, os Megatoxos deberán medir a súa intelixencia e valor entre códices medievais, nunha biblioteca chea de enigmas e perigos, situación que porá en xogo a súa amizade.

miércoles, 4 de noviembre de 2009

SAN CRISTOVO por Judith



Esta foto foi sacada un 18 de xullo de 1964 na estrada principal de Antas de Ulla pola festa do San Cristovo. En Antas aínda se segue a celebrar esta festa despois dunha tradición de máis de 50 anos. Esta festa é diferente as demáis xa que a xente preparaba o coche, o camión, a moto ou incluso (os nenos pequenos) a súa bicicleta con globos , cintas , frores... para ser bendicida polo cura ó rematar a misa. Logo os veciños facían unha comida no campo todos xuntos, mentras tocaba unha orquestra, charanga, banda...Se facía boa noite os veciños voltaban a reunirse para cear, ó rematar, o Concello repartía premios ós automóviles mellor compostos.

Hai 50 anos, baixo a ditadura Franquista a xente non dispuña de moitos medios de transporte e case tódolos coches que había eran iguais ou da mesma marca, o máis abundante era o Seat 600 debido a que era o coche máis ecónomico de ese momento. Tamén algúns veciños tiñan tractores, pero eran os menos xa que o soldo non lles permitía compralos porque verdadeiramente eran caros. Meu avó era un dos poucos que mercara un tractor, o cuarto do concello e da parroquia o primeiro, polo cal os veciños pedíanlle axuda para os traballos da terra, que era no que se baseaba fundalmentalmente a economía naquela época. Luís. Os meus bisavós mercáronlle este tractor o meu avó Luís cando acabou de estudiar para capataz agrícola en Bastiagueiro (A coruña). Costou 225.000 pesetas. No mesmo verán levouno a bendicir pola festa. Pola mañá meu avó vestiuse elegante, con traxe, e montou no tractor con outros veciños, que non tiñan en que ir para a festa se non era andando.

MICRORRELATOS DE TERROR: O GAÑADOR


Un rapaz aparentemente normal que viviu, aparentemente, nunha aldea normal foi asasinado a pasado luns.
A vítima chamábase Xoán ía de camiño a casa cando ocorreu a desgraza. Esa tarde dirixíase a mercar uns tomates para que a súa nai pidese cociñar. Cando se deu conta, fixérase de noite, xa que se entretivera vendo uns tebeos, pero el non supoñía, para nada, o que lle ía ocorrer.
Camiñaba tranquilo e tatarexando unha canción cando de súpeto oíu uns pasos. Virouse, pero non viu nada, e seguiu co seu camiño. Volveu oír os pasos tres ou catro veces máis, pero nunca aparecía ninguén.
Unha das veces oíu os pasos de novo, pero decidiu que non miraría.
Cando xa estaba chegando a casa, os pasos fixéronse máis fortes e rápidos, pero xa non tivo tempo para reaccionar....
Ó día seguinte, un veciño avisou inmediatamente á policía cando viu o cadaver, pero nunca máis se soupo nada do caso.
Ninguén coñecía a causa desa morte.
Ninguén menos eu, que coñezo perfetamente os xestos, as miradas e os gritos desafogados de Xoán!.
MARÍA RICO (3º ESO B)

lunes, 2 de noviembre de 2009

Punto e liña

Os alumnos de 1º da ESO están a traballar a unidade didáctica referente aos elementos da linguaxe visual; o punto e a liña. E están feitos uns verdadeiros artistas aqui tedes unha mostra da súa creatividade:

viernes, 30 de octubre de 2009

FESTA EN MURADELLE por Paula



Nesta imaxe sacada polo meu bisavó a inicios dos anos 40 na festa da parroquia chantadina de San Paio de Muradelle, aparecen as persoas invitadas a unha casa particular no día grande das celebracións. A casa como a maioría naqueles momentos tiña un patio inferior, na planta terrea estaba a corte, e no andar un espacio único que acollía tódalas funcións da vida doméstica; de existir algunha dependencia diferenciada, estaba separada da cociña por un simple tabique de táboas ou pallabarro. O corredor é característico da arquitectura galega. Neste espacio superior destaca a presenza de sete curas vestidos con sotana. Ademáis do resto dos invitados, chama a atención na parte inferior unha pequena banda musical formada por catro membros (todos da mesma familia), a cal ofrecía unhas pezas para animar o xantar.
A forza da igrexa católica no contexto social da posguerra foi abraiante sobre todo no contexto rural. As relacións entre a igrexa católica e o réxime franquista regularizáronse coa firma do Concordato en 1953. Nel, Franco obtiña o recoñecemento do seu goberno polo Papa e obtiña privilexios na presentación de bispos ademais de poder entrar nas igrexas baixo palio. A cambio a igrexa potenciou o culto católico establecendo seminarios, escolas e obras pías controlando a moral pública e mediatizando a boa parte da sociedade.




jueves, 29 de octubre de 2009

OSCAR PEREIRO NO IES DE MONTERROSO


O martes día tres de novembro as 12:00 teremos a honra de recibir no noso centro a Óscar Pereiro acompañado de Fernando Hidalgo (subdirector da voz de Galicia) e Ernesto Sánchez xornalista do mesmo medio.
Óscar Pereiro Sío (nacido en Mos, provincia de Pontevedra o 3 de agosto de 1977).Debutou como profesional no ano 2000 co modesto equipo portugués Porta dá Ravessa, dous anos máis tarde o tamén galego Álvaro Pino fichouno para o equipo suízo que dirixía, o Phonak, nesta etapa demostrou ser un ciclista moi combativo que se defende ben en todos os terreos. Logrou terminar 11º no Xiro de Italia e 10º dúas veces consecutivas no Tour de Francia (2004 e 2005), gañando unha etapa na edición do 2005 á que sumou o premio á combatividade. Na tempada 2006 pasou ao equipo Caisse d'Epargne-Illes Balears, dirixido por José Miguel Echavarri e Eusebio Unzué.
A de 2006 foi a súa mellor tempada, xa que alcanzou o triunfo no Tour de Francia, despois de que se confirmase o positivo por testosterona do primeiro clasificado, o corredor estadounidense Floyd Landis.

Todo un luxo.

LECTOR@S DA ULLOA



Comezamos hoxe xoves 29 unha nova andaina do Clube de lectura para pais e nais do alumnado do centro, Lector@s da Ulloa. O noso primeiro texto foi O Bosque Animado de W. Fernández-Flórez. No fantástico mundo desta fraga coñécese xente que se transportou a ese sitio por unha forza máxica. Un bandido, un poceiro, unha nena que traballa, un mozo que non quere traballar, unha rapariga que emigra, unha pantasma que busca compaña... Estes, e moitísimos personaxes máis, constitúen o diverso panorama que imos descubrindo entre as árbores do bosque animado. As súas pequenas historias compoñen un tecido ao mesmo tempo humano e vexetal, crúzanse, entrelázanse, e é difícil chegar até as súas raíces, saber cando empezan e onde terminarán. Todos os lectores gozamos desta lectura e xa estamos con outro texto na man Crónica de una muerte anunciada de García-Márquez. As reunións serán o último xoves de cada mes, así que vémonos o 26 de novembro.

lunes, 26 de octubre de 2009

JACA por Natalia


O señor que aparece na foto é o meu bistio e chámase Jose. No momento da foto atopábase no servizo militar. Por detrás del pódense apreciar as casas de cuartel nas que vivían, e tamén se aprecian aos seus compañeiros nun momento de descanso.
Esta foto esta datada de xaneiro de 1953 e foi feita nos interiores do cuartel militar en Jaca (Huesca).
A roupa é a propia do exercito de terra desa época, que incluía unha chaqueta e uns pantalóns verdes coas súas botas negras.
José foise á mili en decembro de 1953 aos 19 anos, aínda que el non desexaba marcharse debido a que a súa familia estaba a pasar unha mala situación económica e familiar (morrera a nai) pero a pesar de todo tivo que facer o servicio xa que o mili era obrigatoria.
Ao chegar Jaca proporcionáronlle roupa e outros elementos, cortáronlle o pelo e puxéronlle as vacinas necesarias para non coller certas enfermidades e asignáronlle a compañía á que ía pertencer durante os dous meses de instrución. Neses meses preparáronse para xurar bandeira. Isto consiste no preparamento de instrución, que se necesita para saber desfilar e outras cousas como saber manexar as armas, polo que foi varias veces a clases de tiro. Pasado este período de aprendizaxe chegou o día de xurar bandeira que o converteu en soldado do exército español. Neste xuramento pasan, un a un e despois de inclinarse bican á bandeira. A continuación os soldados fan un desfile ante os mandos superiores. Logo deste suceso, concedéronlle 15 días de permiso, que el aproveitou para visitar á súa familia e contarlles o que fixo durante ese tempo.
Ao regresar destinárono a Ferrol, onde pasou o dez meses seguintes.
Tocaban a diana ao sete da mañá, o que quería dicir que había que levantarse, vestirse, facer a cama, afeitarse... todo en pouco tempo. Logo formaban a compañía e pasaban revista. E despois almorzaban. De seguido facían a tarefa que lles designaban para ese día, como cociñar, gardas, destinos e todas as funcións relacionadas co cuartel.
Os primeiros meses foron duros debido a que os compañeiros que xa levaban tempo alí gastábanlles bromas pesadas, as típicas novatadas. Pero despois foise afacendo. No seu tempo libre escribíalle cartas á súa familia. Debido ao seu bo comportamento e á súa actitude traballadora foi ascendido a cabo, cando xa lle faltaba un mes para licenciarse.
Pasados todos estes días chegou o momento de licenciarse onde lle deron a branca, é dicir, a cartilla militar e tamén un diploma...

viernes, 23 de octubre de 2009

ISTO NON É UNHA MAZÁ


Con esta afirmación os alumnos de 3º da ESO comezaron as clases de Educación Plástica e Visual. Neste cadro de René Magritte négase o que se mostra. A imaxe contradixese co texto. ¿Senón é unha mazá qué outra cousa pode ser? Os alumnos miraban atentamente a proxección e un deles dixo: “non, non é unha mazá é unha pera” ironizando sobre a paradoxa que se lles plantexaba, ¿qué outra cousa podería ser, tiña forma de mazá cor de mazá , textura de mazá .
As imaxes cando van acompañadas de verbas soen establecer unha relación ou unha contradicción entre elas, producíndose un significado novo. A representación dun obxecto non é o obxecto mesmo, do mesmo xeito que a verba “mazá” non se parece nada a unha mazá, nin podemos tocala nin comela.
Así este artista replántea a realidade facendo que o espectador medite sobre a obra que se presenta diante súa.
Neste primeiro trimestre os alumnos de 3º da ESO estudian o significado das imaxes e as leis perceptivas que as rexen, con tal motivo achéganse a obra de Magritte para facer unha interpretación da mesma.
Se vos interesa a obra de Magritte en realción da obra de Magritte con textos recomendámos a seguinte páxina de Manuel Cerezo.
Tamén recomendamos as seguintes presentacións en youtube sobre Magritte:
http://www.youtube.com/watch?v=EvF6_mkZX-s&feature=related
http://www.youtube.com/watch?v=Cot0ntEat4E&hl=es
http://www.youtube.com/watch?v=y7lr0SYUfEo&feature=fvw
http://www.youtube.com/watch?v=SyhccqYewAE
Cristina Fernández Castro . Profesora de Educación Plástica e Visual do IES de Monterroso.

A continuación expoñemos virtualmente algunhas das creacións dos rapaces de 3º da ESO:

jueves, 22 de octubre de 2009

A MILI




Dentro do proxecto Historia dunha fotografía Alexis e Alba aportan diferentes imaxes do servicio militar. Aínda non coñecemos as historias dos seus protagonistas pero as fotografías seguro serán unha escusa perfecta para falar da mili.
En España, os distintos servicios militares implantados a partir da Rexencia posterior á morte de Fernando VII atopáronse con problemas de aceptación social. A posibilidade de pagar para eludir o servicio fixo que a maioría dos recrutas foran de clases sociais baixas, o cal causaba certa animadversión entre os afectados. Este servicio sempre foi exclusivo dos homes. Durante os últimos anos do franquismo producíronse os primeiros casos de obxección de conciencia de carácter antimilitarista (as testemuñas de Jehová negábanse xa a cumprir co servizo militar). Tras a Transición, créase o MOC (Movemento de Obxección de Conciencia), cunhas decenas de militantes. En 1984 regulouse por primeira vez a obxección de conciencia. En 1997 presentáronse 130.000 solicitudes de obxección de conciencia e ao ano seguinte por primeira vez os obxectores superaron en número aos recrutas: 144.823. O Servicio Militar Obrigatorio foi suspendido (pero non abolido) en España o 31 de decembro de 2001, e finalmente suprimido polo goberno de José María Aznar.

martes, 13 de octubre de 2009

AIRES DA HABANA


Chegan as primeiras fotos de Historia dunha Fotografía 2, neste caso unha foto de emigración na Habana a finais do XIX. Naquela época remataba a “Guerra da Independencia de Cuba” (1868 e 1898), guerra que enfrontou ós nacionalistas cubanos cos españois, e na que se perderon as colonias de ultramar de Cuba e Filipinas; esta derrota causou en España un forte choque na opinión pública, nos partidos políticos, nos intelectuais e nas clases medias. Non provocou a quebra do sistema político nin unha grave crise económica, a pesar de que certos grupos dominantes recibiron un duro golpe nos seus intereses coa perda do mercado colonial, pero si puxo de manifesto a incapacidade da oligarquía dominante para modernizar o país, e causou unha forte ferida política nas expectativas de parte da poboación sobre o futuro de España. Os militares sentiron unha profunda frustración e resentimento, responsabilizaron do fracaso aos políticos e pecháronse nunha defensa corporativa dos seus intereses e de desprezo á sociedade civil e ao sistema liberal. Os intelectuais desenvolveron unha reflexión crítica sobre España marcada polo pesimismo e a idea de decadencia. As clases populares tamén mostraron a súa decepción porque xa sabemos que Máis se perdeu en Cuba.

PREMIO NOBEL




A Academia Sueca anunciou este xoves que a escritora alemá-romanesa Herta Müller é a gañadora do Premio Nobel de Literatura 2009. Nacida en 1953 no seo dunha familia suaba en Romanía, na súa obra denunciou as malas condicións de vida baixo o réxime de Ceauşescu. Tivo que saír do país polo seu relevante papel na defensa dos dereitos da minoría alemá nese país. Na actualidade reside en Alemaña. Müller conta cunha tradución ao galego, editada en 2001 por Xerais na súa colección de peto. Trátase de O home é un grande faisán no mundo, traducido por Frank Meyer. É a terceira muller que logra o Nobel desde que en 2004 o fixera Elfriede Jelinek. O premio, dotado con dez millóns de coroas suecas (980 mil euros), entregaráselle o 10 de decembro.

martes, 6 de octubre de 2009

SAMAÍN NO IES


Vai a ser forte O Samaín no IES de Monterroso, estaremos a víspera de tódolos santos preparando cabazas, contando contos que metan medo e celebrando unha noite máxica...Para rematalo todo quedaremos a durmir na Biblioteca (apúntate xa porque o número máximo de alumnos é 25).
A cousa mete medo.

lunes, 5 de octubre de 2009

HISTORIA DUNHA FOTOGRAFÍA 09-10




Xa están os alumnos de I de Bacharelato recompilando fotografías antigas (preferentemente anos 30-60 do pasado século), iniciamos unha nova etapa do noso traballo Historia dunha Fotografía que tanto éxito tivo o curso pasado.

A fotografía móstranos unha realidade que non pode tocarse, unha realidade fóra de alcance. Sen embargo hai algo nese anaco de papel que non é ilusorio que alimenta e esperta sentimentos escondidos nese intento de capturar o fugaz e vencer ó tempo para sempre. Tal vez a clave sexa que unha fotografía é o mesmo tempo ausencia e presencia, pero é sobre todo, imaxe, luz, humanismo, ciencia... Un castelo en ruínas, a familia, cidades remotas, unha beirarrúa mollada, o retrato dun político, paisaxes salvaxes, un espido en branco e negro. Pracer estético e pensamento encerrados nun negativo.
Os alumnos de Historia do Mundo Contemporáneo buscan fotos antigas nas súas casas para contarnos historias. As que hai detrás de cada imaxe. Historias de emigración, de guerra, de traballo ou amor. Historias que desenrolan unha vida ou dúas incluso. Unha imaxe e mil palabras para explicar pequenas obras de arte que moitos gardamos sen sabelo nun caixón esquecido do noso fogar.



viernes, 2 de octubre de 2009

OS PIARES DA TERRA NA TV


Vinte anos despois da aparición de 'Os piares da terra', o mega 'best seller' do autor galés que ao longo destas dúas décadas encabezou as listas como a novela máis lida polos españois, esta monumental e apaixonante historia medieval persegue converterse nun fenómeno televisivo da man da BBC baixo a fórmula de oito entregas dunha hora de duración cada unha. A cadea pretende que estea lista para a súa emisión na primavera de 2010. No noso país emitirao Canal + e, posteriormente, en aberto farao Catro a finais do próximo ano. A construción dunha maxestuosa catedral gótica en Kingsbridge é a «alma» desta coidada e espectacular ficción que desde o pasado mes de xuño dirixe o croata Sergio Mimica-Gezzan, a quen a experiencia de ser a man dereita de Steven Spielberg en filmes como 'Salvade ao soldado Ryan', 'A lista de Schindler' e 'Intelixencia artificial', converteron en 'xefe' dun equipo de máis de 350 persoas.

jueves, 1 de octubre de 2009

FELICIDADE


Comeza o curso e o grupo de traballo da biblioteca non deixa de medrar para facer deste recuncho do instituto un lugar de encontro no que a imaxinación sexa a protagonista. Temos preparadas moitas sorpresas para 2009/2010, algunhas meten medo xa veredes o que acontece no Samaín...
O que segue é un avance dalgunhas das actividades que se desenvolveran o longo do ano.
-Hora de ler.
-O Libro / Cadro da Semana.
-Samaín
-Olimpiada do Saber.
-Historia dunha Fotografía.
-Clube de lectura (de pais e alumnos)
-Namorados.
-Celebración do día do libro.
-Letras Galegas.
-Exposicións, conferencias e ganas de traballar para facer dos libros un referente no centro.
E moitas sorpresas que non terán sentido se vos non participades tendo moi claro que a felicidade non consiste en facer o que se quere senón en querer o que se fai, fixádevos no de amarelo!. Moitos xa o demostráchedes o ano pasado. Este curso, seguro, seremos moitos máis.

domingo, 14 de junio de 2009

DOBRETE


Estamos de noraboa porque a nosa querida Rosa Aneiros que visitou o centro en xaneiro para falar de Resistencia segue acadando éxitos e loubanzas. Dende que o Premio Xerais ten diferentes categorías nunca sucedera que un autor gañase en máis dunha. Rosa Aneiros fíxose o pasado sábado con dous premios na illa de San Simón, onde se fallaron as tres categorías dos galardóns que promove Edicións Xerais de Galicia. A escritora gañou o premio de novela e máis o de literatura xuvenil. Dúas novelas con pouca relación entre elas fixéronse co protagonismo das celebracións do Xerais, pouca relación argumental pero presentadas aos premios pola mesma autora, Rosa Aneiros. Sol de inverno e Ás de bolboreta son os dous títulos gañadores do premio de novela e do Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil, respectivamente.
Parabéns Rosa!.

jueves, 11 de junio de 2009

A BIBLIOTECA MERCA VESTIDO NOVO




Inaguramos a nova biblioteca do Ies despois dun ano traballando arreo polos libros a lectura e a súa difusión entre alumnos, pais e profesores. Queda moito por facer pero xa temos camiñado un bo anaco. A nosa biblioteca é un recuncho para a imaxinación como a aldea irreductible de Asterix, unha máquina do tempo para viaxar lonxe, e ó mesmo tempo para achegarnos ós demáis dunha maneira dialogada compartindo soños tal vez inalcanzables.
Gracias ó alcalde e ó inspector por acompañarnos nun día tan especial, e compartir cos alumnos o cheiro do papel aínda por estrenar.

viernes, 1 de mayo de 2009

HISTORIA DUNHA EXPOSICIÓN



Despois do éxito da exposición Historia dunha Fotografía no centro (ver mes de febreiro no arquivo do blog) móstrase estos días na Sala de Exposicións do Concello cunha moi boa acollida por parte do público. Grazas pola vosa colaboración , sobre todo ós alumnos e alumnas por ensinarnos imaxes tan fermosas dunha época que semella xa esquecida.

martes, 10 de marzo de 2009

OUTROS FINAIS PARA "CARTAS DE INVERNO"


Algúns membros do Club de Lectura atrevéronse a escribir outro final para "Cartas de Inverno". Velaí van algunhas mostras.

... Tareixa cría estar preparada para calquera cousa , pero o que viu no gravado golpeou violentamente o seu cerebro e deixouna xeada polo espanto. Sentiu un mareo que lle fixo soltar o libro, mentres se apoiaba na rocha para non caer; notaba que , de repente, todas as pezas do puzzle encaixaban no seu sitio e comprendía definitivamente que xa non tiña sentido ningún a súa espera.
Pero agora sabía o que tiña que facer,
....................................................................................................................................................................
Colleu o libro e correndo, volveu onda o coche, a toda présa púxoo en marcha, poida que aínda non fora demasiado tarde. Pousou o libro no asento do coche; mentres baixaba co coche polas estreitas e curvas estradas revisaba as cartas que lle mandara Xabier. Pasaba moi por riba as liñas escritas buscando a descrición do cadro da primeira vez que o vira Adrián. De pronto bateu con ela.
<>
Alí estaba! Revisouna dúas ou tres veces e colleu o móbil, marcou o número da súa amiga. Estivo unha miga agardando, pero de seguida llo colleron, unha voz clara e alegre respondeulle dende o outro lado. Tareixa aledouse de escoitar a voz da súa amiga Mariña.
Mariña era unha pintora que coñecera Tareixa había pouco, era máis ou menos da súa idade, alegre e distraída, pero con gran talento; de seguida se levaron ben.
Tareixa chegou á pousada. Mariña levaba un cacho agardando por ela. Parou o coche e saíu, sentou nun banco a carón dela.Explicoulle que necesitaba con urxencia un debuxo que coincidira con esta descrición , entregoulle o papeliño onde a copiara. Pediulle que fose no menor tempo posible, Mariña díxolle que non había ter problema .Xa ía caer a noite, entraron na pousada e pediron a cea. Cando acabaron de cear Tareixa saíu para despedila, mentres o coche se alonxaba viñéronlle á cabeza as figuras de Adrián e de Xabier. Habería algunha esperanza de volvelos ver ?
Os días que seguiron a ese pasounos dando paseos e inspeccionando a zona.Os bosques tan ricos en vexetación, as pradeiras inmesas, era coma un paraíso. Como un lugar tan belo acubillaba unha maldición ?
Xa pasara unha semana e Mariña chamáraa , dicindo que xa o terminara e que llo traería decontado.
Esa tarde Tareixa estivo esperándoa, nada máis ver o coche saíu correndo ó seu encontro.Mariña ensinoullo, era perfecto , parecíase moito , tiña todas as características.Deulle as grazas apresuradamente, colleu o cadro, meteuse no coche, e saíu rapidamente cara á casa onde fora o incendio e onde desapareceran o seu irmán e mais Adrián.
Ao chegar colleu o libro no que estaba o gravado , e tamén o debuxo.Folleou as páxinas do libro buscándoo. E velaí estaba na posición de sempre. Tareixa arrancou a folla e por riba do gravado pegou o debuxo; entón colleu o mecheiro e prendeulle lume a esa folla. Nese momento o chan da cociña, onde estaba o sitio sinalado por Xabier nas cartas, esnaquizouse, del saíron uns berros moi potentes , resoaron nos seus oídos que até chegou a pensar que se quedaría xorda.Cando os berros amainaron e se foron apagando pouco a pouco,Tareixa acercouse a ese lugar,asomouse e alí estaban entre os cascallos Adrián e Xabier. Levou tanta alegría , abrazounos tan forte que case os esmaga.Subiron ó coche e saíron de alí falando entre sorrisos e bágoas, tiñan moito de que falar.
Nesa casa derruída, quedou o libro esquecido. Mais a ninguén lle podería facer xa dano.

Eugenia Nogueira Fuertes


Despois de falar co inspector ,Tareixa e mais o inspector foron até Doroña,
a casa estaba ardendo e dela saían berros que dicían:
Tareixa axúdanos! Tareixa axúdanos! Tareixa axúdanos! Socorro!
Tareixa non dubidou un segundo e decidiuse a entrar na casa. A entrada estaba toda desfeita , apenas se distinguía nada, os mobles estaban todos desfeitos e queimados , quedaban algunhas das pinturas de Adrián que non se puideran rescatar do lume, pero o que máis lle sorprendeu foron uns papeis espallados polo chan nos que había debuxados xeroglifos que estaban asinados por Adrián. Os papeis estaban recubertos de sangue e nalgúns podíase distinguir a palabra SOCORRO. Tareixa foi até a cociña de onde proviñan os berros. Alí, ó pé da lareira, había cemento fresco que parecía tapar algo, Tareixa colleu unha culler que estaba tirada no chan e empezou a escaravellar antes de que ardera a cociña. Nada mái empezar a escaravellar non tardou en atopar a trapela da que lle falara seu irmán Xabier, Tareixa tomou un folgo de aire e decidiu abrir a trapela. Cando entrou, viu unha sala escura e húmida. Alí había un libro vello similar ó que lle narrara seu irmán nas cartas. Tareixa colleu o libro,non sabía moi ben que facer, tiña medo, pero agora que chegara tan lonxe non podía abandonar a seu irmán e ó seu amigo.Decidiuse a abrir o libro, pasaba páxinas e páxinas pero non atopaba nada, todos os garabatos lle parecían iguais pero isto cambiou cando encontrou un garabato, non era como os demais, tiña algo que lle resultaba familiar, quedou uns minutos inmóbil co libro na man, intentando averiguar de que lle soaba. De repente, acordouse de que era a rapaza que lle describían, pero isto non foi todo o que puido atopar neste libro. Tareixa tiña o presentimento de que alí había algo máis e así foi, ó pasar unhas páxinas máis, viu algo que cambiou por completo a expresión do seu rostro, eran eles Xabier e Adrián e estaban….De súpeto, escoitou uns pasos que se acercaban, sentía máis medo a cada paso que escoitaba, mirou para atrás e
PUM.
Tareixa despertou deitada nunha cama dun hospital, a porta do seu cuarto abriuse e viu a esa rapaza. Era ela de novo, a rapaza do garabato, como podía ser? Achegouse a ela e díxolle : ``Nunca saberás o que alí pasou e o que pasará´´.

Emilio Gómez Méndez 1ºE.S.O

miércoles, 4 de marzo de 2009

Club de Lectura "Enrédate coa Lectura".


O xoves 26 de febreiro tivemos reunión do Club de Lectura "Enrédate coa Lectura". Non estaban tod@s @s que son, pero son tod@s @s que estan. Están Antía, María, Samuel, Eugenia, Emilio, Francisco, Sergio, Reme e Rico. Ese día non puideron vir: Ezra, Raquel e Jennifer.

viernes, 20 de febrero de 2009

RISAS FÚNEBRES


Hai entre as fotografías de Virxilio Vieitez un elemento que se repite: a morte. Tamén nas imaxes que estamos recompilando no centro. Tal e como explica Marcial Gondar no seu artigo Autorretrato dun pobo, a morte dos que nos rodean provoca traumas en todas as culturas, algo común á humanidade, o que xa non é universal é a maneira de xestionar eses traumas. Empecemos por constatar que a diferenza daqueles cemeterios de aldea onde as tumbas estaban no atrio da igrexa, o mesmo no que o día da festa bailábase, nas cidades os cemiterios son expulsados cara a lugares afastados. Na sociedade actual a morte parece un tema tabú pero na cultura galega tradicional, consciente de que os medos só desaparecen facéndolle fronte, converte á morte en acontecemento público. Cando había un defunto as portas da casa abríanse con total naturalidade, durante moitas horas familiares e acompañantes van estar diante do morto rezando, falando, bebendo ata facendo bromas. Porque a morte como demostra esta fotografía era un motivo de escarnio, o protagonista no cadaleito simula estar morto mentres o cortexo masculino acompaña o cadaver (algún dos membros non pode conter a risa). Antropoloxía cultural.

jueves, 19 de febrero de 2009

VIRXILIO E EMPANADA


A recompilación fotográfica que levamos a cabo pretende ser unha homenaxe ás fotografías de Virxilio Vieitez (1930-2008). Nado en Soutelo de Montes retrata a principios dos sesenta o noso universo rural e os seus protagonistas cun aire melancólico e mestre. Vodas, enterros, romarías, tarefas agrícolas ou comuñóns son protagonistas.
Ao mesmo tempo alcanzamos a arte románica na aula e establecemos paralelismos. Esculturas hieráticas como os homes e mulleres de Virxilio que demostraban a solemnidade que representaba o acto de retratarse. Alimentos que se mostran con orgullo á cámara e asoman por vez primeira no Pórtico da Gloria e Palacio de Xelmirez. En resumo empanadas de morriña dende esta aldea do interior de Galicia.

lunes, 16 de febrero de 2009

domingo, 15 de febrero de 2009

BICENTENARIO DE POE


O 19 de xaneiro de 1809 naceu en Boston Edgar Alan Poe, polo tanto este ano celebramos o bicentenario do seu nacemento. Si non estás familiarizado con Poe, é o mellor momento para comezar con un autor enamorado da oscuridade. Algunhas ideas:

lunes, 9 de febrero de 2009

ESTE É O TEXTO GAÑADOR NO CONCURSO DE MICRORRELATOS SOBRE O DÍA DA PAZ


“O DÍA NO QUE SE ACABA A PAZ....”

Corría o día 30 de xaneiro, e medio mundo estaba na sede da Unión Europea e de repente, nunha televisión xigante, aparece Xesús de Nazaret, que di: “propoño un trato, cidadáns....O mundo perfecto a cambio de paz porque senón non me deixades escoitar a tele no ceo a causa das interferencias”
De pronto todos calaron... e máis tarde, todos á vez, berramos: “Sí!!!”
Día 31 pola mañá. Todo estaba diferente. A xente falaba o mesmo idioma sen aprendelo, todos pensabamos igual, os nenos non choraban, rían e xogaban uns con outros sen diferencias, regalábanse os xornais,....
Todo parecía moi fácil, pero eu sabía que aquello acabaría sendo un desastre para tódolos cidadáns do mundo.
O día 4 de febreiro xogábase o partido máis bonito do toda a Liga. O campeón de 31 ligas enfrentábase ó equipo que parecía que ese ano se faría co título...Real Madrid-Barcelona. Corría o minuto 81 de xogo e de repente salta ó campo unha botella que impacta contra a cabeza do porteiro do Barcelona. Armouse unha boa, todos pelexando. Aquelo parecía unha guerra civil no Santiago Bernabeu.
Ese día foi decisivo para a historia do mundo. Rompeuse a alianza da paz con Deus. Aquelo pasou do paraíso ó inferno. O mundo parecía deserto, non se falaba con ninguén, e eso non foi o peor.
Día 8 de febreiro. Os Polos comezan a derretirse e o nivel de auga sobe.
Día 27 de febreiro. A Terra quentouse en nada, todo estaba debaixo do mar. Só sobreviviron as montañas. Todo o mundo vivía alí, nelas, apretados. Á forza tiñánse que levar ben para sobrevivir.
Desde aquel día vivíase ben, sen coches, con barcos de vela para non contaminar.
Pódese dicir que Deus nos deu unha segunda oportunidade, todo por un partido.... E co ben que viviamos!!!!!!!

ALEJANDRO NAVIA LÓPEZ 1ºESO B

martes, 3 de febrero de 2009

HISTORIA DUNHA FOTOGRAFÍA


A fotografía móstranos unha realidade que non pode tocarse, unha realidade fóra de alcance. Nembargantes hai algo nese anaco de papel que non é ilusorio que alimenta e esperta sentimentos escondidos nese intento de capturar o fugaz e vencer ó tempo para sempre. Tal vez a clave sexa que unha fotografía é o mesmo tempo ausencia e presencia, pero é sobre todo, imaxe, luz, humanismo, ciencia... Un castelo en ruínas, a familia, cidades remotas, unha beirarrúa mollada, o retrato dun político, paisaxes salvaxes, un espido en branco e negro. Pracer estético e pensamento encerrados nun negativo.Amigos, profesores e alumnos de Historia do Mundo Contemporáneo e de Arte en Segundo recompilaron fotos antigas nas súas casas para contarnos historias. As que hai detrás de cada imaxe. Historias de emigración, guerra ou amor... Historias que desenrolan unha vida ou dúas incluso.
Unha imaxe e mil palabras para explicar pequenas obras de arte que moitos gardamos sen sabelo nun caixón esquecido do noso fogar.

jueves, 29 de enero de 2009

LENDO A AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ



O clube de lectura escolleu a obra de Agustín Fernández Paz para desfrutar da literatura no curso 2009. Perito Industrial Mecánico, Mestre de Ensino Primario e Licenciado en Ciencias da Educación, nace en Vilalba en 1947. Entre 1988 e 1990 foi membro do Gabinete de Estudios para a Reforma Educativa, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, formando parte do equipo de Lingua que preparou os Deseños Curriculares para as etapas de Primaria e Secundaria. A súa obra foi premiada en múltiples ocasións con recoñecementos como: Merlín, Lazarillo, Edebé Juvenil, Rañolas, Raíña Lupa, Protagonista Jove, Lista de Honra do IBBY, etc...e amplamente traducida a diversas linguas, constitúe un referente incuestionable da literatura infantil-xuvenil galega. No 2008 gaña o Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil.


O calendario de lecturas é o seguinte:


As flores radioactivas: 13 de Novembro de 2008


Contos por palabras: 27 de Novembro de 2008


Rapazas: 15 de Xaneiro de 2009


Trece anos de Branca: 29 de Xaneiro de 2009


Cartas de inverno: 12 de Febreiro de 2009


O centro do labirinto: 26 de Febreiro de 2009


Noite de voraces sombras: 12 de Marzo de 2009


Aire negro: 16 de Abril de 2009


Corredores de sombra: 30 de Abril de 2009


O único que queda é o amor: 14 de Maio de 2009

martes, 20 de enero de 2009

CONCURSO DE MICRORRELATOS E ILUSTRACIÓN


Co gallo da conmemoración do 30 de xaneiro convocamos entre o alumnado do centro un concurso de microrrelatos e / ou ilustración que teña como tema central a paz. O prazo de entrega dos traballos e ata o día 28 de xaneiro. Agardamos unha boa participación. O relato e a ilustración gañadora serán publicados no blog.