viernes, 30 de octubre de 2009

FESTA EN MURADELLE por Paula



Nesta imaxe sacada polo meu bisavó a inicios dos anos 40 na festa da parroquia chantadina de San Paio de Muradelle, aparecen as persoas invitadas a unha casa particular no día grande das celebracións. A casa como a maioría naqueles momentos tiña un patio inferior, na planta terrea estaba a corte, e no andar un espacio único que acollía tódalas funcións da vida doméstica; de existir algunha dependencia diferenciada, estaba separada da cociña por un simple tabique de táboas ou pallabarro. O corredor é característico da arquitectura galega. Neste espacio superior destaca a presenza de sete curas vestidos con sotana. Ademáis do resto dos invitados, chama a atención na parte inferior unha pequena banda musical formada por catro membros (todos da mesma familia), a cal ofrecía unhas pezas para animar o xantar.
A forza da igrexa católica no contexto social da posguerra foi abraiante sobre todo no contexto rural. As relacións entre a igrexa católica e o réxime franquista regularizáronse coa firma do Concordato en 1953. Nel, Franco obtiña o recoñecemento do seu goberno polo Papa e obtiña privilexios na presentación de bispos ademais de poder entrar nas igrexas baixo palio. A cambio a igrexa potenciou o culto católico establecendo seminarios, escolas e obras pías controlando a moral pública e mediatizando a boa parte da sociedade.




No hay comentarios:

Publicar un comentario