miércoles, 28 de mayo de 2014

"Balzac y la joven costurera china"


Esta obra de Dai Sijie é unha homenaxe á literatura non só como medio de coñecemento senón de ventá cara a plenitude persoal e a liberdade. Os dous adolescentes protagonistas alivian a súa penosa situación na China de Mao a través da lectura, coñecendo así outros mundos. No libro  está presente o tema do amor e  da liberdade.
Para rematar o curso, que mellor forma que lendo sobre libros!
 

A obra foi levada o cine polo propio autor en 2001 recibindo o Globo de Oro á mellor película no ano seguinte. 



martes, 27 de mayo de 2014

Obradoiro da Letra

Estas son unhas imaxes do Obradoiro da Letra, actividade realizada no IES de Monterroso os días 14 e 21 de maio, de 4 a 7 da tarde. Participaron 5 alumnas/os, 4 nais/pais e 4 profesoras/es. Impartiuno Jesús Marúa Juaristi Linacero.

 Descubrimos e practicamos con diferentes útiles de escritura: Cálamo, pluma de ave, estilográfica, lapis de carpinteiro,.... Modulamos letras.... escribimos letras góticas, cancillerescas,....

Descubrimos un mundo fantástico de fermosas letras.


Lector@s da Ulloa: "Balzac y la joven costurera china"



Na derradeira xuntanza do curso, despois de falar do libro lido este mes, “Balzac y la joven costurera china”, e empregando os “RORY`S STORY CUBES”, construimos, entre todos, una historia rememorando algún dos títulos lidos . Este foi o resultado:
 
"Non somos lectores fora do común, pero ler fainos felices.
Axúdanos a construir o Castelo interior da nosa fantasía, pintando de cores a vida, imaxinando situación, chorando cos personaxes, sorrindo se o final é feliz. Cando entramos no túnel do tempo, descubrimos historias olvidadas, miramos polo ollo da pechadura e observamos vidas descoñecidas que coma un raio iluminan a nosa soedade.

Viaxamos a mundos fantásticos, máxicos e tan reales… Cheos de tesouros, de interrogantes, de respostas, de emocións, de pisadas, unas veces lentas e outras apresuradas.
Tendemos pontes entre o noso mundo, a nosa cultura e o descoñecido.
 


Algunha opinións dos nosos lectores:
 
“Creo que nos atopamos a gusto, por eso vimos sempre ás reunión” (Pedro)
 
“Teño a miña liña de lecturas, e as lecturas do club obríganme a ler obras que me sacan des aliña e que non lería se non fora polo club. Ademáis obrígoume a ler obras en galego, lingua na que facía moito tempo que non lía nada” (Olga)
 
“O club de lectura crea adicción, engancha. É coma una droga, estás agardando que chegue o día da xuntanza para falar, compartir, lembrar e revivir o libro que liches ese mes” (Miguel).

Cadro-estrela da semana: "Marilyn Monroe" de Andy Warhol


A obra proposta é o retrato de Marilyn Monroe, do artista pop Andy Warhol


O Pop Art é un movemento artístico que nace a mediados dos anos 50 en Reino Unido (David Hockney) e nos Estados Unidos (Warhol, Lichtenstein, Wesselmann), acadando a súa plenitude nos anos 60.
As obras do arte pop teñen un marcado carácter figurativo, apoiado na imaxinaría do mundo do consumo e da cultura popular: anuncios, revistas, periódicos, cómics, personaxes famosas ou obxectos cotiáns de consumo. Unha arte de fácil comprensión que se contrapón frontalmente coa excesiva intelectualización do Expresionismo abstracto (Pollock, Rothko, De Kooning). Ademáis, téntase achegar a obra de arte ás masas, repetindo en series as súas obras a través de medios mecánicos e semiautomáticos.
 Entre os máximos representantes do Pop Art destaca a personalidade do norteamericano Andy Warhol, autor da obra que nos ocupa. Son famosas, por exemplo, as súas latas de sopas Campbell's, ou de botellas de Coca-Cola, os retratos serigrafiados de personaxes famosos como Liz Taylor, Marilyn Monroe ou Elvis Presley, cun estilo moi similar ós anuncios publicitarios.
 Xunto a Warhol tamén deben mencionarse outros artistas como Roy Lichtenstein ou Tom Wesselmann. En Inglaterra, os representantes máis importantes foron Eduardo Paolozzi e David Hockney.
 A traxectoria de Warhol comeza primeiro coa reproducción de tiras cómicas e publicitarias para logo centrarse na realización de imaxes de obxectos cotiáns, así como retratos das personaxes máis célebres da súa época, utilizando principalmente a técnica da serigrafía.
  En efecto, a serigrafía de Marilyn Monroe é unha das obras máis coñecidas de Warhol, nela reprodúcese unha fotografía da sex-symbol dos 50.

 A imaxe amosa a face da diva, elaborada con formas simples e sen excesivos detalles, destacando nela as cores vivas e os contrastes cromáticos. Non hai perspectiva, a obra configúrase en dous planos coma nos anuncios publicitarios.
 A técnica da serigrafía permítelle ó artista reproducir a súa obra ata a saciedade, algo que se convertiría nun selo persoal de Warhol. Máis alá da representación da cara de Marilyn, Warhol explora na súa obra a banalidade e fugacidade da fama (non fai falta recordar o tráxico destino de Marilyn Monroe), e como a sociedade crea íconos de masas.

 O Pop Art é unha nova tendencia artística que xorde despois da Segunda Guerra Mundial e que tenta recuperar a complicidade do público levando ó museo elementos da cultura popular e de masas.

Emilio Gómez Méndez, 2º BAC A



Os alumnos opinan. : "Cartas de inverno" de Agustín Fernández Paz



Despois dunha longa estadía en Québec, o escritor Xabier Louzao volve a Galicia e atopa as cartas que o seu amigo Adrián lle escribira na súa ausencia. Unhas cartas que, nunha espiral de enigmas, descobren os estraños sucesos que está a vivir Adrián na súa nova casa e que levan a Xabier a acudir na súa axuda. Pero alí, na v ella casa colonial, os dous amigos terán que enfrontarse a misterios que tal vez as persoas nin tan sequera somos quen de imaxinar. A narración está estruturada ó xeito das monecas rusas: unha voz (en terceira persoa) que dá paso a outra voz (en primeira), que a súa vez dá paso tamén a outra voz (tamén en primeira persoa). E cando esta acaba, unha recuperación escalonada e simétrica das voces anteriores. Cartas de inverno recibiu o Premio Rañolas, ó mellor libro infantil e xuvenil galego do ano 1995.

As alumnas  de Reforzo de 2º ESO B opinan: 

Noelia Torres: "Pareceume un libro con moito misterio e iso gústame. Tamén me gustou a investigación a través das cartas. Dos personaxes quédome con Adrián o pintor"

Laura Vázquez: O final, ao ser moi aberto, decepcionoume, xa que non sabes exactamente como acaba"

Andrea Torres: Gustoume bastante o libro, xa que deixa á imaxinación o final. Sospéitase que morreron pero cada un pode imaxinar calquer cousa..."

Xoana: Non me gustou demasiado o final, o ser tan aberto...paréceme que queda inconcluso"

Eliana: Aínda non o rematei de ler pero si que me gusta xa que o misterio e a investigación son temas do meu agrado"


 

miércoles, 7 de mayo de 2014

Cine na titoría de 2º ESO: "Los chicos del coro"



O pasado luns, no horario da titoría de 2º ESO, proxectouse na Biblioteca do IES de Monterroso, a película francesa de 2004 dirigida por Christopher Barratier "Los chicos del coro" ("Les choristes")
Foi unha sesión de cine interdisciplinar xa que tomaron parte no Proxecto as materias de
Francés, Música, Xeografía e Hª, ademáis da Titoría e o Equipo de Biblioteca. A actividade foi levada a cabo polas profesoras Ana de Azevedo (Francés e Música) e Isabel González (Xeografía e Hª) e dirixida ao alumnado de 2º ESO A e B no horario no que coinciden as Titorías (Luns pola tarde).

Os obxectivos da actividade de cine foron os seguintes:
 
-         - Recoñecer palabras e expresións en francés

-         - Desenvolver o gusto musical e a sensibilidade artística

-         - Disfrutar compartindo momentos de ocio a través do cine

-         - Reflexionar sobre a historia e a educación




As actividades que se levaron a cabo foron:




-         - Reparto da letra dos temas musicais da película: en francés e español

-         - Proxección da película en español cos subtítulos das cancións en francés.

-         - Contexto histórico no que se desenvolve a película

-         - A educación na época na que se desenvolve a película e a educación hoxe. Reflexión sobre a historia da educación

-         - Comentar as escenas que nos gustaron máis.


Cando é a próxima?



Club de lectura: "El señor de las moscas"


"El señor de las moscas" é unha obra clásica da literatura contemporánea. O seu autor é o británico Willian Golding que foi Premio Nobel de literatura no ano 1983.

O autor, ademáis de novelista, foi profesor e tomou parte na II Guerra Mundial. Os seus textos exploran os dilemas morais e as reaccións do ser humano cando éste está sometido  a situacións extremas. Os anos de barbarie e a crueldade da guerra causáronlle un gran impacto. De aí a súa visión pesimista sobre o ser humano.

"El señor de las moscas" é unha obra sobre a condición humana, unha reflexión sobre a falta de normas e do establecemento dunha forma de goberno tiránica e violenta. Isto está moi en relación co contexto da época que vivíu Golding: o ascenso dos totalitarismos.

A novela conta a historia dun naufraxio. Os protagonistas son rapaces entre seis e doce anos. A orde é establecida polos maiores, mentras os pequenos só saben xogar, comer e durmir. Os maiores organízanse para a caza, fan os refuxios, piden axuda a través de sinais...Sen embargo a violencia, o sangue e a morte van caracterizar a forma de goberno tiránica que se impón na illa. O tema da guerra está moi presente no libro. Unha reflexión sobre o ser humano, sen dúbida.


A lectura do mes de abril no club de lectura "Lector@s da Ulloa"