viernes, 30 de octubre de 2009

FESTA EN MURADELLE por Paula



Nesta imaxe sacada polo meu bisavó a inicios dos anos 40 na festa da parroquia chantadina de San Paio de Muradelle, aparecen as persoas invitadas a unha casa particular no día grande das celebracións. A casa como a maioría naqueles momentos tiña un patio inferior, na planta terrea estaba a corte, e no andar un espacio único que acollía tódalas funcións da vida doméstica; de existir algunha dependencia diferenciada, estaba separada da cociña por un simple tabique de táboas ou pallabarro. O corredor é característico da arquitectura galega. Neste espacio superior destaca a presenza de sete curas vestidos con sotana. Ademáis do resto dos invitados, chama a atención na parte inferior unha pequena banda musical formada por catro membros (todos da mesma familia), a cal ofrecía unhas pezas para animar o xantar.
A forza da igrexa católica no contexto social da posguerra foi abraiante sobre todo no contexto rural. As relacións entre a igrexa católica e o réxime franquista regularizáronse coa firma do Concordato en 1953. Nel, Franco obtiña o recoñecemento do seu goberno polo Papa e obtiña privilexios na presentación de bispos ademais de poder entrar nas igrexas baixo palio. A cambio a igrexa potenciou o culto católico establecendo seminarios, escolas e obras pías controlando a moral pública e mediatizando a boa parte da sociedade.




jueves, 29 de octubre de 2009

OSCAR PEREIRO NO IES DE MONTERROSO


O martes día tres de novembro as 12:00 teremos a honra de recibir no noso centro a Óscar Pereiro acompañado de Fernando Hidalgo (subdirector da voz de Galicia) e Ernesto Sánchez xornalista do mesmo medio.
Óscar Pereiro Sío (nacido en Mos, provincia de Pontevedra o 3 de agosto de 1977).Debutou como profesional no ano 2000 co modesto equipo portugués Porta dá Ravessa, dous anos máis tarde o tamén galego Álvaro Pino fichouno para o equipo suízo que dirixía, o Phonak, nesta etapa demostrou ser un ciclista moi combativo que se defende ben en todos os terreos. Logrou terminar 11º no Xiro de Italia e 10º dúas veces consecutivas no Tour de Francia (2004 e 2005), gañando unha etapa na edición do 2005 á que sumou o premio á combatividade. Na tempada 2006 pasou ao equipo Caisse d'Epargne-Illes Balears, dirixido por José Miguel Echavarri e Eusebio Unzué.
A de 2006 foi a súa mellor tempada, xa que alcanzou o triunfo no Tour de Francia, despois de que se confirmase o positivo por testosterona do primeiro clasificado, o corredor estadounidense Floyd Landis.

Todo un luxo.

LECTOR@S DA ULLOA



Comezamos hoxe xoves 29 unha nova andaina do Clube de lectura para pais e nais do alumnado do centro, Lector@s da Ulloa. O noso primeiro texto foi O Bosque Animado de W. Fernández-Flórez. No fantástico mundo desta fraga coñécese xente que se transportou a ese sitio por unha forza máxica. Un bandido, un poceiro, unha nena que traballa, un mozo que non quere traballar, unha rapariga que emigra, unha pantasma que busca compaña... Estes, e moitísimos personaxes máis, constitúen o diverso panorama que imos descubrindo entre as árbores do bosque animado. As súas pequenas historias compoñen un tecido ao mesmo tempo humano e vexetal, crúzanse, entrelázanse, e é difícil chegar até as súas raíces, saber cando empezan e onde terminarán. Todos os lectores gozamos desta lectura e xa estamos con outro texto na man Crónica de una muerte anunciada de García-Márquez. As reunións serán o último xoves de cada mes, así que vémonos o 26 de novembro.

lunes, 26 de octubre de 2009

JACA por Natalia


O señor que aparece na foto é o meu bistio e chámase Jose. No momento da foto atopábase no servizo militar. Por detrás del pódense apreciar as casas de cuartel nas que vivían, e tamén se aprecian aos seus compañeiros nun momento de descanso.
Esta foto esta datada de xaneiro de 1953 e foi feita nos interiores do cuartel militar en Jaca (Huesca).
A roupa é a propia do exercito de terra desa época, que incluía unha chaqueta e uns pantalóns verdes coas súas botas negras.
José foise á mili en decembro de 1953 aos 19 anos, aínda que el non desexaba marcharse debido a que a súa familia estaba a pasar unha mala situación económica e familiar (morrera a nai) pero a pesar de todo tivo que facer o servicio xa que o mili era obrigatoria.
Ao chegar Jaca proporcionáronlle roupa e outros elementos, cortáronlle o pelo e puxéronlle as vacinas necesarias para non coller certas enfermidades e asignáronlle a compañía á que ía pertencer durante os dous meses de instrución. Neses meses preparáronse para xurar bandeira. Isto consiste no preparamento de instrución, que se necesita para saber desfilar e outras cousas como saber manexar as armas, polo que foi varias veces a clases de tiro. Pasado este período de aprendizaxe chegou o día de xurar bandeira que o converteu en soldado do exército español. Neste xuramento pasan, un a un e despois de inclinarse bican á bandeira. A continuación os soldados fan un desfile ante os mandos superiores. Logo deste suceso, concedéronlle 15 días de permiso, que el aproveitou para visitar á súa familia e contarlles o que fixo durante ese tempo.
Ao regresar destinárono a Ferrol, onde pasou o dez meses seguintes.
Tocaban a diana ao sete da mañá, o que quería dicir que había que levantarse, vestirse, facer a cama, afeitarse... todo en pouco tempo. Logo formaban a compañía e pasaban revista. E despois almorzaban. De seguido facían a tarefa que lles designaban para ese día, como cociñar, gardas, destinos e todas as funcións relacionadas co cuartel.
Os primeiros meses foron duros debido a que os compañeiros que xa levaban tempo alí gastábanlles bromas pesadas, as típicas novatadas. Pero despois foise afacendo. No seu tempo libre escribíalle cartas á súa familia. Debido ao seu bo comportamento e á súa actitude traballadora foi ascendido a cabo, cando xa lle faltaba un mes para licenciarse.
Pasados todos estes días chegou o momento de licenciarse onde lle deron a branca, é dicir, a cartilla militar e tamén un diploma...

viernes, 23 de octubre de 2009

ISTO NON É UNHA MAZÁ


Con esta afirmación os alumnos de 3º da ESO comezaron as clases de Educación Plástica e Visual. Neste cadro de René Magritte négase o que se mostra. A imaxe contradixese co texto. ¿Senón é unha mazá qué outra cousa pode ser? Os alumnos miraban atentamente a proxección e un deles dixo: “non, non é unha mazá é unha pera” ironizando sobre a paradoxa que se lles plantexaba, ¿qué outra cousa podería ser, tiña forma de mazá cor de mazá , textura de mazá .
As imaxes cando van acompañadas de verbas soen establecer unha relación ou unha contradicción entre elas, producíndose un significado novo. A representación dun obxecto non é o obxecto mesmo, do mesmo xeito que a verba “mazá” non se parece nada a unha mazá, nin podemos tocala nin comela.
Así este artista replántea a realidade facendo que o espectador medite sobre a obra que se presenta diante súa.
Neste primeiro trimestre os alumnos de 3º da ESO estudian o significado das imaxes e as leis perceptivas que as rexen, con tal motivo achéganse a obra de Magritte para facer unha interpretación da mesma.
Se vos interesa a obra de Magritte en realción da obra de Magritte con textos recomendámos a seguinte páxina de Manuel Cerezo.
Tamén recomendamos as seguintes presentacións en youtube sobre Magritte:
http://www.youtube.com/watch?v=EvF6_mkZX-s&feature=related
http://www.youtube.com/watch?v=Cot0ntEat4E&hl=es
http://www.youtube.com/watch?v=y7lr0SYUfEo&feature=fvw
http://www.youtube.com/watch?v=SyhccqYewAE
Cristina Fernández Castro . Profesora de Educación Plástica e Visual do IES de Monterroso.

A continuación expoñemos virtualmente algunhas das creacións dos rapaces de 3º da ESO:

jueves, 22 de octubre de 2009

A MILI




Dentro do proxecto Historia dunha fotografía Alexis e Alba aportan diferentes imaxes do servicio militar. Aínda non coñecemos as historias dos seus protagonistas pero as fotografías seguro serán unha escusa perfecta para falar da mili.
En España, os distintos servicios militares implantados a partir da Rexencia posterior á morte de Fernando VII atopáronse con problemas de aceptación social. A posibilidade de pagar para eludir o servicio fixo que a maioría dos recrutas foran de clases sociais baixas, o cal causaba certa animadversión entre os afectados. Este servicio sempre foi exclusivo dos homes. Durante os últimos anos do franquismo producíronse os primeiros casos de obxección de conciencia de carácter antimilitarista (as testemuñas de Jehová negábanse xa a cumprir co servizo militar). Tras a Transición, créase o MOC (Movemento de Obxección de Conciencia), cunhas decenas de militantes. En 1984 regulouse por primeira vez a obxección de conciencia. En 1997 presentáronse 130.000 solicitudes de obxección de conciencia e ao ano seguinte por primeira vez os obxectores superaron en número aos recrutas: 144.823. O Servicio Militar Obrigatorio foi suspendido (pero non abolido) en España o 31 de decembro de 2001, e finalmente suprimido polo goberno de José María Aznar.

martes, 13 de octubre de 2009

AIRES DA HABANA


Chegan as primeiras fotos de Historia dunha Fotografía 2, neste caso unha foto de emigración na Habana a finais do XIX. Naquela época remataba a “Guerra da Independencia de Cuba” (1868 e 1898), guerra que enfrontou ós nacionalistas cubanos cos españois, e na que se perderon as colonias de ultramar de Cuba e Filipinas; esta derrota causou en España un forte choque na opinión pública, nos partidos políticos, nos intelectuais e nas clases medias. Non provocou a quebra do sistema político nin unha grave crise económica, a pesar de que certos grupos dominantes recibiron un duro golpe nos seus intereses coa perda do mercado colonial, pero si puxo de manifesto a incapacidade da oligarquía dominante para modernizar o país, e causou unha forte ferida política nas expectativas de parte da poboación sobre o futuro de España. Os militares sentiron unha profunda frustración e resentimento, responsabilizaron do fracaso aos políticos e pecháronse nunha defensa corporativa dos seus intereses e de desprezo á sociedade civil e ao sistema liberal. Os intelectuais desenvolveron unha reflexión crítica sobre España marcada polo pesimismo e a idea de decadencia. As clases populares tamén mostraron a súa decepción porque xa sabemos que Máis se perdeu en Cuba.

PREMIO NOBEL




A Academia Sueca anunciou este xoves que a escritora alemá-romanesa Herta Müller é a gañadora do Premio Nobel de Literatura 2009. Nacida en 1953 no seo dunha familia suaba en Romanía, na súa obra denunciou as malas condicións de vida baixo o réxime de Ceauşescu. Tivo que saír do país polo seu relevante papel na defensa dos dereitos da minoría alemá nese país. Na actualidade reside en Alemaña. Müller conta cunha tradución ao galego, editada en 2001 por Xerais na súa colección de peto. Trátase de O home é un grande faisán no mundo, traducido por Frank Meyer. É a terceira muller que logra o Nobel desde que en 2004 o fixera Elfriede Jelinek. O premio, dotado con dez millóns de coroas suecas (980 mil euros), entregaráselle o 10 de decembro.

martes, 6 de octubre de 2009

SAMAÍN NO IES


Vai a ser forte O Samaín no IES de Monterroso, estaremos a víspera de tódolos santos preparando cabazas, contando contos que metan medo e celebrando unha noite máxica...Para rematalo todo quedaremos a durmir na Biblioteca (apúntate xa porque o número máximo de alumnos é 25).
A cousa mete medo.

lunes, 5 de octubre de 2009

HISTORIA DUNHA FOTOGRAFÍA 09-10




Xa están os alumnos de I de Bacharelato recompilando fotografías antigas (preferentemente anos 30-60 do pasado século), iniciamos unha nova etapa do noso traballo Historia dunha Fotografía que tanto éxito tivo o curso pasado.

A fotografía móstranos unha realidade que non pode tocarse, unha realidade fóra de alcance. Sen embargo hai algo nese anaco de papel que non é ilusorio que alimenta e esperta sentimentos escondidos nese intento de capturar o fugaz e vencer ó tempo para sempre. Tal vez a clave sexa que unha fotografía é o mesmo tempo ausencia e presencia, pero é sobre todo, imaxe, luz, humanismo, ciencia... Un castelo en ruínas, a familia, cidades remotas, unha beirarrúa mollada, o retrato dun político, paisaxes salvaxes, un espido en branco e negro. Pracer estético e pensamento encerrados nun negativo.
Os alumnos de Historia do Mundo Contemporáneo buscan fotos antigas nas súas casas para contarnos historias. As que hai detrás de cada imaxe. Historias de emigración, de guerra, de traballo ou amor. Historias que desenrolan unha vida ou dúas incluso. Unha imaxe e mil palabras para explicar pequenas obras de arte que moitos gardamos sen sabelo nun caixón esquecido do noso fogar.



viernes, 2 de octubre de 2009

OS PIARES DA TERRA NA TV


Vinte anos despois da aparición de 'Os piares da terra', o mega 'best seller' do autor galés que ao longo destas dúas décadas encabezou as listas como a novela máis lida polos españois, esta monumental e apaixonante historia medieval persegue converterse nun fenómeno televisivo da man da BBC baixo a fórmula de oito entregas dunha hora de duración cada unha. A cadea pretende que estea lista para a súa emisión na primavera de 2010. No noso país emitirao Canal + e, posteriormente, en aberto farao Catro a finais do próximo ano. A construción dunha maxestuosa catedral gótica en Kingsbridge é a «alma» desta coidada e espectacular ficción que desde o pasado mes de xuño dirixe o croata Sergio Mimica-Gezzan, a quen a experiencia de ser a man dereita de Steven Spielberg en filmes como 'Salvade ao soldado Ryan', 'A lista de Schindler' e 'Intelixencia artificial', converteron en 'xefe' dun equipo de máis de 350 persoas.

jueves, 1 de octubre de 2009

FELICIDADE


Comeza o curso e o grupo de traballo da biblioteca non deixa de medrar para facer deste recuncho do instituto un lugar de encontro no que a imaxinación sexa a protagonista. Temos preparadas moitas sorpresas para 2009/2010, algunhas meten medo xa veredes o que acontece no Samaín...
O que segue é un avance dalgunhas das actividades que se desenvolveran o longo do ano.
-Hora de ler.
-O Libro / Cadro da Semana.
-Samaín
-Olimpiada do Saber.
-Historia dunha Fotografía.
-Clube de lectura (de pais e alumnos)
-Namorados.
-Celebración do día do libro.
-Letras Galegas.
-Exposicións, conferencias e ganas de traballar para facer dos libros un referente no centro.
E moitas sorpresas que non terán sentido se vos non participades tendo moi claro que a felicidade non consiste en facer o que se quere senón en querer o que se fai, fixádevos no de amarelo!. Moitos xa o demostráchedes o ano pasado. Este curso, seguro, seremos moitos máis.