viernes, 30 de octubre de 2009

FESTA EN MURADELLE por Paula



Nesta imaxe sacada polo meu bisavó a inicios dos anos 40 na festa da parroquia chantadina de San Paio de Muradelle, aparecen as persoas invitadas a unha casa particular no día grande das celebracións. A casa como a maioría naqueles momentos tiña un patio inferior, na planta terrea estaba a corte, e no andar un espacio único que acollía tódalas funcións da vida doméstica; de existir algunha dependencia diferenciada, estaba separada da cociña por un simple tabique de táboas ou pallabarro. O corredor é característico da arquitectura galega. Neste espacio superior destaca a presenza de sete curas vestidos con sotana. Ademáis do resto dos invitados, chama a atención na parte inferior unha pequena banda musical formada por catro membros (todos da mesma familia), a cal ofrecía unhas pezas para animar o xantar.
A forza da igrexa católica no contexto social da posguerra foi abraiante sobre todo no contexto rural. As relacións entre a igrexa católica e o réxime franquista regularizáronse coa firma do Concordato en 1953. Nel, Franco obtiña o recoñecemento do seu goberno polo Papa e obtiña privilexios na presentación de bispos ademais de poder entrar nas igrexas baixo palio. A cambio a igrexa potenciou o culto católico establecendo seminarios, escolas e obras pías controlando a moral pública e mediatizando a boa parte da sociedade.




jueves, 29 de octubre de 2009

OSCAR PEREIRO NO IES DE MONTERROSO


O martes día tres de novembro as 12:00 teremos a honra de recibir no noso centro a Óscar Pereiro acompañado de Fernando Hidalgo (subdirector da voz de Galicia) e Ernesto Sánchez xornalista do mesmo medio.
Óscar Pereiro Sío (nacido en Mos, provincia de Pontevedra o 3 de agosto de 1977).Debutou como profesional no ano 2000 co modesto equipo portugués Porta dá Ravessa, dous anos máis tarde o tamén galego Álvaro Pino fichouno para o equipo suízo que dirixía, o Phonak, nesta etapa demostrou ser un ciclista moi combativo que se defende ben en todos os terreos. Logrou terminar 11º no Xiro de Italia e 10º dúas veces consecutivas no Tour de Francia (2004 e 2005), gañando unha etapa na edición do 2005 á que sumou o premio á combatividade. Na tempada 2006 pasou ao equipo Caisse d'Epargne-Illes Balears, dirixido por José Miguel Echavarri e Eusebio Unzué.
A de 2006 foi a súa mellor tempada, xa que alcanzou o triunfo no Tour de Francia, despois de que se confirmase o positivo por testosterona do primeiro clasificado, o corredor estadounidense Floyd Landis.

Todo un luxo.

LECTOR@S DA ULLOA



Comezamos hoxe xoves 29 unha nova andaina do Clube de lectura para pais e nais do alumnado do centro, Lector@s da Ulloa. O noso primeiro texto foi O Bosque Animado de W. Fernández-Flórez. No fantástico mundo desta fraga coñécese xente que se transportou a ese sitio por unha forza máxica. Un bandido, un poceiro, unha nena que traballa, un mozo que non quere traballar, unha rapariga que emigra, unha pantasma que busca compaña... Estes, e moitísimos personaxes máis, constitúen o diverso panorama que imos descubrindo entre as árbores do bosque animado. As súas pequenas historias compoñen un tecido ao mesmo tempo humano e vexetal, crúzanse, entrelázanse, e é difícil chegar até as súas raíces, saber cando empezan e onde terminarán. Todos os lectores gozamos desta lectura e xa estamos con outro texto na man Crónica de una muerte anunciada de García-Márquez. As reunións serán o último xoves de cada mes, así que vémonos o 26 de novembro.

lunes, 26 de octubre de 2009

JACA por Natalia


O señor que aparece na foto é o meu bistio e chámase Jose. No momento da foto atopábase no servizo militar. Por detrás del pódense apreciar as casas de cuartel nas que vivían, e tamén se aprecian aos seus compañeiros nun momento de descanso.
Esta foto esta datada de xaneiro de 1953 e foi feita nos interiores do cuartel militar en Jaca (Huesca).
A roupa é a propia do exercito de terra desa época, que incluía unha chaqueta e uns pantalóns verdes coas súas botas negras.
José foise á mili en decembro de 1953 aos 19 anos, aínda que el non desexaba marcharse debido a que a súa familia estaba a pasar unha mala situación económica e familiar (morrera a nai) pero a pesar de todo tivo que facer o servicio xa que o mili era obrigatoria.
Ao chegar Jaca proporcionáronlle roupa e outros elementos, cortáronlle o pelo e puxéronlle as vacinas necesarias para non coller certas enfermidades e asignáronlle a compañía á que ía pertencer durante os dous meses de instrución. Neses meses preparáronse para xurar bandeira. Isto consiste no preparamento de instrución, que se necesita para saber desfilar e outras cousas como saber manexar as armas, polo que foi varias veces a clases de tiro. Pasado este período de aprendizaxe chegou o día de xurar bandeira que o converteu en soldado do exército español. Neste xuramento pasan, un a un e despois de inclinarse bican á bandeira. A continuación os soldados fan un desfile ante os mandos superiores. Logo deste suceso, concedéronlle 15 días de permiso, que el aproveitou para visitar á súa familia e contarlles o que fixo durante ese tempo.
Ao regresar destinárono a Ferrol, onde pasou o dez meses seguintes.
Tocaban a diana ao sete da mañá, o que quería dicir que había que levantarse, vestirse, facer a cama, afeitarse... todo en pouco tempo. Logo formaban a compañía e pasaban revista. E despois almorzaban. De seguido facían a tarefa que lles designaban para ese día, como cociñar, gardas, destinos e todas as funcións relacionadas co cuartel.
Os primeiros meses foron duros debido a que os compañeiros que xa levaban tempo alí gastábanlles bromas pesadas, as típicas novatadas. Pero despois foise afacendo. No seu tempo libre escribíalle cartas á súa familia. Debido ao seu bo comportamento e á súa actitude traballadora foi ascendido a cabo, cando xa lle faltaba un mes para licenciarse.
Pasados todos estes días chegou o momento de licenciarse onde lle deron a branca, é dicir, a cartilla militar e tamén un diploma...

viernes, 23 de octubre de 2009

ISTO NON É UNHA MAZÁ


Con esta afirmación os alumnos de 3º da ESO comezaron as clases de Educación Plástica e Visual. Neste cadro de René Magritte négase o que se mostra. A imaxe contradixese co texto. ¿Senón é unha mazá qué outra cousa pode ser? Os alumnos miraban atentamente a proxección e un deles dixo: “non, non é unha mazá é unha pera” ironizando sobre a paradoxa que se lles plantexaba, ¿qué outra cousa podería ser, tiña forma de mazá cor de mazá , textura de mazá .
As imaxes cando van acompañadas de verbas soen establecer unha relación ou unha contradicción entre elas, producíndose un significado novo. A representación dun obxecto non é o obxecto mesmo, do mesmo xeito que a verba “mazá” non se parece nada a unha mazá, nin podemos tocala nin comela.
Así este artista replántea a realidade facendo que o espectador medite sobre a obra que se presenta diante súa.
Neste primeiro trimestre os alumnos de 3º da ESO estudian o significado das imaxes e as leis perceptivas que as rexen, con tal motivo achéganse a obra de Magritte para facer unha interpretación da mesma.
Se vos interesa a obra de Magritte en realción da obra de Magritte con textos recomendámos a seguinte páxina de Manuel Cerezo.
Tamén recomendamos as seguintes presentacións en youtube sobre Magritte:
http://www.youtube.com/watch?v=EvF6_mkZX-s&feature=related
http://www.youtube.com/watch?v=Cot0ntEat4E&hl=es
http://www.youtube.com/watch?v=y7lr0SYUfEo&feature=fvw
http://www.youtube.com/watch?v=SyhccqYewAE
Cristina Fernández Castro . Profesora de Educación Plástica e Visual do IES de Monterroso.

A continuación expoñemos virtualmente algunhas das creacións dos rapaces de 3º da ESO: