martes, 28 de febrero de 2012

Cadro-estrela da semana: "A noite estrelada" de Vincent Van Gogh


"A noite estrelada" é unha obra realizada por Vincent Van Gogh. O cadro e o autor pertencen ao chamado Posimpresionismo, un movemento artístico que comeza tras o Impresionismo. Os posimpresionistas van máis alá que os impresionistas xa que tratan de volcar na súa pintura un sentimento interior. Por este motivo son máis rupturistas que os anteriores. O Posimpresionismo desenvólvese na época da II Revolución Industrial, resultado das transformacións económicas e tecnolóxicas da segunda metade do século XIX e que deron lugar a unha nova sociedade de clases.Entre as características da pintura posimpresionista cabe salientar a temática da paisaxe, as liñas feitas cunha pincelada grosa produto da moda chegada a Europa da estampa xaponesa, así como a plasmación do estado anímico do autor. No cadro, Van Gogh amosa unha paisaxe na que destaca a luz das estrelas a través dun trazo de espirais que dominan o ceo e os cipreses do primeiro plano, todo isto obtido a partir das pinceladas máis persoais da historia da pintura. Ao fondo apréciase a silueta dun pobo, e as liñas do contorno dos edificios marcadas cos característicos trazos grosos. Os tons utilizados polo pintor son os malvas, morados e amarelos que plasman o estado de ánimo de Van Gogh. As liñas retorcidas amosan o seu interior atormentado.Van Gogh e a súa "Noite estrelada" son grandes referentes na historia da arte.

No hay comentarios:

Publicar un comentario