martes, 27 de mayo de 2014

Cadro-estrela da semana: "Marilyn Monroe" de Andy Warhol


A obra proposta é o retrato de Marilyn Monroe, do artista pop Andy Warhol


O Pop Art é un movemento artístico que nace a mediados dos anos 50 en Reino Unido (David Hockney) e nos Estados Unidos (Warhol, Lichtenstein, Wesselmann), acadando a súa plenitude nos anos 60.
As obras do arte pop teñen un marcado carácter figurativo, apoiado na imaxinaría do mundo do consumo e da cultura popular: anuncios, revistas, periódicos, cómics, personaxes famosas ou obxectos cotiáns de consumo. Unha arte de fácil comprensión que se contrapón frontalmente coa excesiva intelectualización do Expresionismo abstracto (Pollock, Rothko, De Kooning). Ademáis, téntase achegar a obra de arte ás masas, repetindo en series as súas obras a través de medios mecánicos e semiautomáticos.
 Entre os máximos representantes do Pop Art destaca a personalidade do norteamericano Andy Warhol, autor da obra que nos ocupa. Son famosas, por exemplo, as súas latas de sopas Campbell's, ou de botellas de Coca-Cola, os retratos serigrafiados de personaxes famosos como Liz Taylor, Marilyn Monroe ou Elvis Presley, cun estilo moi similar ós anuncios publicitarios.
 Xunto a Warhol tamén deben mencionarse outros artistas como Roy Lichtenstein ou Tom Wesselmann. En Inglaterra, os representantes máis importantes foron Eduardo Paolozzi e David Hockney.
 A traxectoria de Warhol comeza primeiro coa reproducción de tiras cómicas e publicitarias para logo centrarse na realización de imaxes de obxectos cotiáns, así como retratos das personaxes máis célebres da súa época, utilizando principalmente a técnica da serigrafía.
  En efecto, a serigrafía de Marilyn Monroe é unha das obras máis coñecidas de Warhol, nela reprodúcese unha fotografía da sex-symbol dos 50.

 A imaxe amosa a face da diva, elaborada con formas simples e sen excesivos detalles, destacando nela as cores vivas e os contrastes cromáticos. Non hai perspectiva, a obra configúrase en dous planos coma nos anuncios publicitarios.
 A técnica da serigrafía permítelle ó artista reproducir a súa obra ata a saciedade, algo que se convertiría nun selo persoal de Warhol. Máis alá da representación da cara de Marilyn, Warhol explora na súa obra a banalidade e fugacidade da fama (non fai falta recordar o tráxico destino de Marilyn Monroe), e como a sociedade crea íconos de masas.

 O Pop Art é unha nova tendencia artística que xorde despois da Segunda Guerra Mundial e que tenta recuperar a complicidade do público levando ó museo elementos da cultura popular e de masas.

Emilio Gómez Méndez, 2º BAC A



No hay comentarios:

Publicar un comentario