martes, 12 de enero de 2010

HISTORIA DUNHA FOTO: A MALLA por Paula


Na foto aparece miña bisavoa Inés nos anos 70. No momento da fotografía miña bisavoa atopábase na casa da súa filla en Nugallás onde naquel momento había a malla.
Esta labor consistía en reunirse os veciños da parroquia para mallar a colleita nas épocas de verán. Mozos e mozas aproveitaban para facerse as beiras e tamén cantaban regueifas para, de xeito indirecto mocear, e tamén traballar. Nestas reunións non só era traballar se non que tamén competían para ver quen facía o palleiro máis grande da parroquia. Como nese día se reuniron varios parentes, aproveitaron a xuntanza para facerse fotos todos xuntos.
Comezaba a malla en agosto levando os mollos, no carro, á eira. Este labor tense que facer moi cedo para que o sol quente o gran. Acoden entón tódolos veciños (homes, mulleres e nenos) e cada home leva o seu mallo ó lombo para bater nas espigas. Ó rematar a primeira volta, acoden as mulleres que, mentres os homes botan un trago, removen as pallas sacudíndoas contra as pernas, deixándoas ben peneiradas, a continuación os homes comezan a bina (segunda volta) do lado contrario ó anterior. Rematado este traballo, limpan o gran, para o que se usa unha pequena máquina, que alugan pagando unha tega (medida de capacidade para áridos) de gran. Unha vez venteado o gran, escólleno con zarandos ou cribos e méteno en sacos que miden co ferrado e que logo levan para a casa, botándoo en arcas que quedan abertas.
Inés naceu en Vilameñe , unha aldea de Taboada, onde pasou gran parte da súa longa e dificultosa vida. Máis tarde casou cun home chamado Antonio e logo trasladáronse a Cutián para estar máis cerca do resto da familia. Alí viviu co seu marido e cas súas fillas, Manuela e Otilia. En Cutián viviron ata o falecemento do meu bisavó , máis tarde a filla maior independizouse, casouse e tivo fillos en Nugallás .

5 comentarios:

  1. Queda ben ás claras que a malla, xunto coa seitura e a recollida da herba, eran tarefas ben duras que viviron no noso agro ata non fai moitos anos. Desa estirpe vimos e, aínda que nós non participásemos de xeito moi activo xa, convén non esquecer nunca este tipo de cousas que nos darán a chave para entender o apego á terra que as nosas xentes teñen.

    Parabéns por compartir a foto e tamén polo texto ben tecido.
    Unha aperta

    ResponderEliminar
  2. Teño que imprimir esta fotografía e ensinarlla ó meu pai. Pensei que o home que mete o pan na máquina era o meu avó Manuel, que tivo a primeira máquina de mallar que houbo en Antas de Ulla, alá polos anos 50. De feito pareceume que un dos homes que saen na foto ( o que se lle ve un anaco da cara) era o seu irmán Emilio. Pero si a foto e dos anos 70 non pode ser, porque o meu avó morreu no 69 e xa facía anos que el non andaba coa máquina.


    Paula:

    ¿Podes preguntarlle a túa avoa de quen era a máquina de mallar? Estareiche agradecida.

    ResponderEliminar
  3. A fotografía inferior non foi sacada no mesmo momento que a primeira de feito é doutra compañeira. Ela pode informarse sobre a propiedade da máquina e a data da imaxe.

    ResponderEliminar
  4. Gracias Paula.

    Dille a túa compañeira que llo agradecerei.

    Por certo, estou preparando un post para falar no meu blogue do voso traballo. Necesito saber se teño o voso permiso para poñer as vosas fotos, sempre, por suposto, citando que son vosas e citando o nome das persoa que fanos artigos. Gustaríame que o falásedes e me deses novas canto antes.

    O meu correo:

    aulloaenfotos@gmail.com

    Saúdos

    ResponderEliminar
  5. Fixen unha entrada no meu blog na que falo do voso proxecto. Con ela quero expresar o meu apoio ó voso traballo.

    Seguirei a disfrutar das vosas historias.


    Saúdos

    ResponderEliminar