viernes, 22 de enero de 2010

HISTORIA DUNHA FOTO: AS FESTAS DA NOSA SEÑORA por Helena


Esta imaxe é do ano 1937 e foi realizada na Casa de Naia, Antas. Nela podemos ver a sete rapaces que son os fillos de Benito , o carpinteiro da aldea. Comezando de esquerda a dereita vemos a Francisco , despois del vemos a Celia, a continuación a Josefa , a maior dos irmáns da familia e en cuarto lugar a Hortensia. Na parte inferior da foto vemos a Gumersindo , Aurelia , miña avoa, e a Mariano. Hai que dicir que na foto faltan Genaro e José que ó ser xa máis maiores estaban na Guerra Civil formando parte do bando nacional.
Esta instantánea foi sacada un día da festa do seu pobo e ten gran significado para a familia xa que foi das primeiras na vila xa que ó estar illada dun núcleo urbano importante os adiantos eran menores en comparación con outros lugares de España e por suposto de Europa. Uns bos exemplos do atraso na zona eran a falla medios de transporte ou de alimentos frescos como o pescado xa que ó ser unha zona de interior se chegaba dito produto era enlatado , seco ou salgado.
As romarías daquela época eran moi diferentes ás de hoxe en día porque todo o pobo se reunía no mesmo lugar para comer como se dunha gran familia se tratase, cando chegaba a noite a xente íase desprazando ó campo da festa, onde pasaban horas bailando e cantando.
Como dixen no inicio aquel ano do 37 non toda a familia Gómez Varela estaba vivindo a festa . Dous dos fillos do meu bisavó, Genaro e José foran escollidos xunto con outros rapaces das vilas do redor polo exército franquista para formar parte dos nacionais, e defender a unidade política de España que pensaban ameazada polo aumento dos nacionalismos periféricos propiciados pola constitución republicana. Os dous irmáns foron trasladados a Madrid. Genaro regresará a casa, a José o matárono o penúltimo día da guerra. Cada un dos bandos identificábase coa dereita e a esquerda política.

3 comentarios:

  1. As fotos de familia antigas conteñen unha carga emotiva moi importante. Fíxate ti, Helena, cantas cousas nos contaches desta instantánea. Que tremenda mala sorte a de teu tío-avó José...Canto dano fixo aquela guerra fraticida!!

    (É ben curiosa a pose da fotografía esta. Normalmente daquela sempre miraban á cámara. Debía ser un fotógrafo moi innovador o que fixo)

    ResponderEliminar
  2. A Guerra Civil foi unha das peores desgracia deste pais. A fame e a miseria que trouxo tivémola que arrastrar moitos anos. Ca sangre de aqueles mortos: nacionais ou republicanos xeracións enteiras alimentaron o seu odio.

    Dou gracias por non ter que vivir naqueles anos.

    (estou de acordo co Chouso, ben curiosa a pose da fotografía)

    Saúdos

    ResponderEliminar
  3. ¡¡¡¡PORCA MISERIA DE GUERRA!!!! A min suxíreme que a familia Gómez Varela está a mirar polo Genaro e polo José... como se agardaran que apareceran polo outeiro e se sumaran á festa.

    ResponderEliminar