lunes, 25 de noviembre de 2013

Lector@s da Ulloa: Montedidio



Montedidio é unha fermosa  historia que narra de forma case poética o paso da infancia á xuventude dun rapaz. É a historia dun barrio de Nápoles donde a pobreza e a suciedade están a orde do día. É un mundo de azoteas e de tendedeiros de roupa donde o bulir dos traballadores é constante. Un mundo que nos lembra ao cine neorrealista italiano en branco e negro. Unha historia de supervivencia que tamén nos transmite a beleza que se esconde baixo a suciedade, o primeiro bico, o primeiro amor e  a poesía. Nápoles é unha protagonista máis da novela, así como a propia lingua italiana e o dialecto napolitano, presente durante toda a obra.
O autor da obra, Erri de Luca, é autodidacta. Traballou ao longo da sua vida en innumerables oficios, desde albanel a tradutor de textos bíblicos, pasando por condutor de convois humanitarios durante a guerra da ex-Iugoslavia. Montedidio é unha obra autobiográfica que non nos deixa indiferentes.

Cadro-estrela da semana: "Lección de piano"


"Lección de piano" é unha obra do artista impresionista francés August Renoir.
Renoir é o pintor da figura humana, gustáballe retratar ás nenas e ás mulleres. Estas sempre aparecen felices e relaxadas. Neste caso pinta a duas rapazas, mestra e discípula, en plena clase de piano. Trátase dunha escena cotiá, moi agradable á vista. Na pintura de Renoir todo é sinxelo, directo, non entraña unha mensaxe difícil de codificar. Ao contrario, é unha pintura intrascendente, que entra directamente polos ollos, de gran beleza e sentimentos, acadados a través dos xestos das figuras que retrata. Trata de captar un intre concreto e plasmalo no lenzo, como nunha instantánea. A pincelada, impresionista, é plumosa e suave, realizada a toques soltos. Renoir é un gran colorista como podemos ver nesta fermosa obra.

viernes, 22 de noviembre de 2013

Hora de Ler: Os alumnos opinan




Hoxe, na Hora de Ler, os alumnos de 2º de Agrupamento opinaron sobre os libros que están lendo. Vexamos que nos contan:

Javi: Acabo de comezar a ler "Orballo da mañá". Conta a historia dunha familia que vive nun poboado situado nun deserto de África. A soidade é un dos temas deste libro. Paréceme interesante, estou desexando saber que ocorre...

Xeila: O libro que estou a ler titúlase "Boris". Vai dun rapaz que vive en Leningrado. É un rapaz orfo que ten  que buscarse a vida para alimentar a súa nai viúva. Paréceme interesante e quero saber como acaba...

Tamén lin recentemente un libro en inglés "Tales of Arabia nights". Gustoume moito o primeiro relato. Trata sobre un home moi rico que gasta toda a súa fortuna en comprar cousas das que non ten necesidade. Unha noite ten un soño no que  aparece un home que lle di que volte a O Cairo, que alí atopará os seus tesouros baixo un pazo... Mansur viaxa a esa cidade e alí descobre... Non sigo contando, animádevos a ler máis.

Yaiza: Gustoume moito o libro titulado "Boris" porque trata sobre un neno que ten que buscarse a vida para alimentarse e sobrevivir. O tema é a supervivencia.

Eliana: "Boris" é un libro que me resulta un pouco difícil de ler, pero o tema gústame moito.



miércoles, 20 de noviembre de 2013

Unha das grandes da literatura: Doris Lessing



Estes días deixounos Doris Lessing, Premio Nobel de Literatura en 2007. Foi narradora, poeta e ensaísta. Unha muller comprometida coa vida e coa literatura que explorou na súa obra a experiencia feminina e  as dúbidas existenciais, así como o tema de África e o Terceiro Mundo, sempre moi presente. Escritora moi prolífica, nacida en Persia (Irán),  vivíu en Zimbadwe (antiga Rodhesia) e en Londres. Entre as súas obras salientamos "El cuaderno dorado", "La buena terrorista", "Dentro de mí", "Diario de una buena vecina", "Cuentos de África" ou  "De nuevo, el amor". Novela feminina e psicolóxica que nos atrapa desde a primeira páxina. Unha das grandes. Para sempre, Doris Lessing.

martes, 19 de noviembre de 2013

Hora de Ler: Na busca do tesouro de Rande


Estes días, na Hora de Ler, os rapaces de 2º ESO achegáronse a un anaquiño da historia de Galicia de principios do século XVIII.

En 1702, galeóns cargados de ouro e prata procedentes de América, refuxiáronse na Ría de Vigo. A idea era guarecerse dos buques de guerra ingleses que se atopaban no Atlántico á espera de tan rico botín.
Os galeóns fondearon na enseada de San Simón e os seus tripulantes construiron unha gran barreira de paus e cadeas no Estreito de Rande, donde  hoxe localizamos a ponte do mesmo nome.

Os navíos ingleses, sen embargo,  entraron na ría  desencadeándose unha gran batalla. Os galeóns afundíronse na enseada, a excepción do Santo Cristo de Maracaibo, que foi levado polos ingleses cunha gran carga cara á saída da ría rumbo a Inglaterra tras a súa victoria en Rande. O barco, no medio da néboa, afundiuse contra unas rochas xunto as Illas Cíes. O tesouro quedou así afundido para sempre na ría.

A mediados do século XX, uns intrépidos norteamericanos achegáronse a Galicia en busca do tesouro afundido. Tras moitos intentos e inmersións infructuosas, non se atopou nin rastro do ouro e a prata.

O misterio de Rande segue ahí.