domingo, 9 de febrero de 2020

EN LUGO CON MARÍA SOLAR

O 22.01.2020 o alumnado de 3º acudiu a Lugo para asistir a unha xuntanza coa escritora María Solar, tras a lectura da súa interesante novela Os nenos da varíola.

A autora describiunos o seu roteiro vital, inzado de aprendizaxes diversas e de experiencias que lle foron saíndo ao paso, oportunidades que non desaproveitou e das que botou man para crecer como escritora. María, bióloga; María, xornalista; María, actriz de dobraxe; María, mestra; María, presentadora de televisión; María, locutora de radio; María, coordinadora de programas culturais… todo serve na vida e todo obedece a unha inquedanza: a curiosidade incansábel de quen quere aprender.

Os nenos da varíola ten a súa orixe nun afán de rescate: a memoria de Isabel Zendal e, sobre todo, dos meniños expósitos que levaron a vacina ao Novo Mundo para salvar vidas. O libro é unha homenaxe á ciencia e ás persoas que abren camiños para unha sociedade mellor, fronte á intolerancia de quen se aferra á ignornacia; un intento por resarcir do esquecemento aquelas persoas das que ela non soubo nada durante os seus estudos de Bioloxía, malia seren persoas galegas e pese á proximidade dos lugares nos que viviron: o Hospital Real, na actualidade hotel de cinco estrelas para xente podente, que aínda hoxe conserva a portiña pola que aqueles cativos de antano entraban a través dun torno.